Monday 01 de July de 2024

A Xunta salienta en Bratislava a necesidade de mellorar a eficacia do investimento no eido local para lograr un crecemento sostible


O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, destacou a importancia de apostar pola cooperación público-privada e a innovación para atraer investimentos ao eido local e asegurar un crecemento sostible

O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, participou hoxe, xunto con outros líderes rexionais e locais de Europa, na 7ª edición do Cumio Europeo das Rexións e Cidades, que comezou hoxe en Bratislava e continúa mañá co tema central de impulsar o investimento público e privado de cara a conseguir un crecemento sostible e a creación de emprego. Co lema “Investir e conectar”, o encontro, que ten lugar cada dous anos baixo a organización do Comité Europeo das Rexións (CdR), pon o acento nos problemas para o investimento en infraestruturas e emprendemento no nivel local e as posibles solucións para atallalos.

Durante o Cumio, inaugurado polo primeiro ministro eslovaco, Róbert Fico, e polo presidente do Comité das Rexións, Markku Markkula, o CdR adoptou tamén a Declaración de Bratislava, un documento a través do cal os entes rexionais e locais se comprometen politicamente a poñer en marcha cinco solucións clave para mellorar a eficacia do investimento. A Declaración aposta por conectar Europa a través do investimento territorial e apostar pola dixitalización, a innovación, o enfoque local e o espírito empresarial para mellorar resultados. Ademais, sinálase a importancia de coordinarse cos ciclos económicos nacionais e da UE, prestar atención ao diálogo e á colaboración para reforzar o capital humano e aumentar a responsabilidade e a sensibilización para responder ás necesidades dos cidadáns.

A Declaración incide tamén na necesidade de que as experiencias dos ámbitos locais e rexionais se teñan en conta nas políticas que afectarán ás perspectivas económicas, sociais e territoriais de Europa nos próximos anos, especialmente porque estas administracións son responsables de máis do 70% do investimento público.

Impacto da crise
O impacto da crise dos últimos anos provoca que o nivel de investimentos sexa aínda débil na UE, logo de descender un 15% de media, aínda que no caso de España a perda alcanzou o 40%, unha porcentaxe que compromete a capacidade de crecemento a longo prazo.
Para formular alternativas fronte a estes obstáculos, o cumio acolle tres seminarios paralelos na primeira xornada do 8 de xullo. No primeiro deles, centrado en asegurar o investimento, Galicia defendeu o desenvolvemento de estratexias para a cooperación público-privada, algo no que incide a política rexional facilitando a colaboración entre as administracións e o mundo da empresa. No caso galego, o director xeral de Relacións Exteriores puxo o acento nos instrumentos financeiros deseñados no marco da Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia (RIS3), que busca precisamente mobilizar capital privado para as pemes e emprendedores de base tecnolóxica radicadas en Galicia.

Na súa intervención, o director xeral tamén se referiu ao impacto que terá sobre o proxecto europeo a decisión de Reino Unido de abandonar a Unión Europea. Gamallo lamentou o resultado do referendo británico que lle deu a vitoria ao Brexit e lembrou que o proceso de saída terá que realizarse segundo o establecido polo artigo 50 do Tratado da Unión Europea.

Emprendemento innovador
Mañá terá lugar a segunda e última xornada do Cumio, na que os líderes rexionais e locais discutirán sobre a innovación nas infraestruturas enerxéticas e de transporte en Europa, analizando os distintos instrumentos cos que conta a UE para dar apoio a estas necesidades nos Estados membros, como o Mecanismo Conectar Europa, o Fondo de Cohesión ou o Fondo Europeo para Investimentos Estratéxicos.

Ademais, celebraranse dúas sesións temáticas, unha delas baixo o nome “Conectando á xente: Dixital e máis intelixentes: cidades e rexións do futuro”, sobre un tema no que Galicia ten moita experiencia coas Cidades Intelixentes, que aplican a innovación en infraestruturas dixitais e tecnolóxicas ao obxectivo de construír cidades sostibles e que xeran novos postos de traballo.

O Comité Europeo das Rexións
O CdR é a asemblea consultiva na que están representados os entes locais e rexionais da UE. Está composto por 350 membros, 21 dos cales son españois. En representación da Comunidade Autónoma de Galicia o membro titular é o propio presidente da Xunta de Galicia, mentres que o cargo de membro suplente recae no director xeral de Relacións Exteriores e coa UE. Esta é a terceira das seis sesións plenarias que o CdR celebra durante 2016 para emitir ditames de opinión sobre as políticas comunitarias.